Hai ano e medio a vitoria das traballadoras de Inditex na Coruña foi unha inspiración brutal para o conxunto da clase traballadora e para as dependentas do grupo en todo o Estado. Tras varias mobilizacións, manifestacións e unha folga impresionante, David vencía a Goliat, logrando unha subida salarial do 25%, fiel reflexo da enorme forza das traballadoras, da súa unión e a súa determinación para plantar cara á explotación e desigualdade galopantes que forman parte do ADN do xigante téxtil.

Hoxe volvemos saír ás rúas, inspiradas aínda por aquela gran vitoria, e desde o Sindicato de Estudantes, Libres e Combativas e Esquerda Revolucionaria queremos dicirvos que non estades soas! A vosa loita é a nosa loita e a do conxunto da clase traballadora.

Estamos fartos e fartas de ver como as empresas amasan beneficios multimillonarios mentres a nós resérvannos a precariedade, os baixos salarios e nos negan un futuro digno. Se vós vencedes, nós e as nosas familias tamén. Estamos convosco!

As traballadoras fan rico a Inditex, Inditex fai pobres e precarias ás traballadoras

Segundo Forbes, Amancio Ortega ten a maior fortuna española e ocupa o número 13 do ranking mundial cun patrimonio estimado de 95.805 millóns de euros. Os beneficios que Inditex acaba de declarar foron récord: 5.381 millóns de euros, un 30,3% máis que o ano anterior, e unha subida dos dividendos dun 28% As vendas foron tamén récord, tanto en tendas físicas como en liña, 35.947 millóns de euros.

E con esta riqueza, xerada en boa medida polas dependentas de tenda, 27.000 en todo o Estado español e 2.500 só en Galicia, aínda teñen a cara dura de negar reivindicacións que o único que pretenden é dignificar unhas condicións laborais gracias ás que se están facendo ricos: recuperación do pago da antigüidade, redución de xornada segundo a idade, que se pague adecuadamente o traballo dos sábados e das tardes, equiparación das condicións en tódalas cadeas da tenda e aplicación de melloras sociais que xa gozan os traballadores do grupo en fábricas e loxística, maiormente homes (axudas para gastos de gardería, por fillos e fillas con necesidades especiais ou algo tan básico como un bono comida).

É un auténtico escándalo que, mentres Amancio Ortega acaba de gastarse 182 millóns de euros nun megayate de 564 metros cadrados con heliporto, piscina e xardín, Inditex se negue a recoñecer a antigüidade das súas traballadoras, e as obrigue a comer frío de tupper nunhas escaleiras (se non queren deixarse o salario en comidas) ou a traballar a xornada parcial e, por tanto, os salarios máis baixos. É indecente e sobre todo inaceptable.

Contra as manobras da empresa e de CCOO e UXT.

O sindicalismo democrático e de loita é o único camiño

A experiencia de hai ano e medio é moi rica. Lembramos moi ben como días despois da vitoria na Coruña a rebelión estendíase ao resto do Estado. Tras a folga do 7 de xaneiro, convocada neste caso pola CGT, varias concentracións nas tendas máis destacadas do grupo, e ante a ameaza dunha nova folga, a empresa cedía novamente. Repetíndose o que xa ocorrera na Coruña, horas antes do inicio da msegunda xornada de folga convocada pola CIG. Conseguíase algo histórico, por primeira vez arrincábase a Inditex un marco mínimo de ámbito estatal, rompendo co “divide e vencerás” que tanto diñeiro aforrou á empresa.

Pero tamén lembramos como as traballadoras non só fixeron fronte á chantaxe patronal, senón tamén á vergoñenta alianza entre empresa e direccións sindicais (CCOO e UXT) para romper a folga e tratar de ningunear calquera acción sindical que propuxera batallar e escapase ao seu control, como sucedeu coa CIG na Coruña e a CGT a nivel estatal. Tentaron todo para frear a loita pero estreláronse ante a determinación das traballadoras.

Ante a nova negociación e o empuxe das mobilizacións anunciadas, a táctica de utilizar a CCOO e UXT para descarrilalas parece evidente a través dunha mesa de negociación estatal na que a CGT non foi convidada a participar e a CIG está en minoría.

Pero hoxe, igual que hai ano e medio, a clave está na mobilización contundente nas rúas, a extensión da loita, dentro e fóra de Galicia, e a defensa dun sindicalismo democrático no que ninguén decida polas traballadoras.

Ánimo compañeiras, adiante e a vencer!