Despois de catro maiorías absolutas consecutivas parece que a posibilidade de botar ó PP da Xunta o vindeiro domingo está enriba da mesa. Tódalas enquisas coinciden nun resultado axustado e a clave estará na mobilización do voto de esquerdas.
Durante todos estes anos os e as mozas de familias traballadoras sufrimos, xunto ás nosas familias, as consecuencias das políticas salvaxes de privatización e destrución dos servizos públicos. O nivel de deterioración na sanidade pública é salvaxe, poboacións de decenas de milleiros de habitantes sen pediatra, espera de semanas para unha cita co médico de cabeceira, transvasamento de diñeiro público a grandes empresas como Quirón e similares que están a facerse de ouro literalmente cos nosos cartos mentres as listas de agarda para hospitais públicos poden chegar a varios anos. É un disparate.
Pero a educación pública non queda atrás. Mentres se favorece e subvenciona á concertada, ou se abre a primeira universidade privada de Galiza, de Abanca, pecháronse máis de 145 centros de ensino público, o verán pasado suprimíanse directamente milleiros de prazas presenciais na FP mentres os centros da FP privada fan o seu agosto. O uso do galego non para de retroceder nos centros de estudo, despídese ós nosos profesores e profesoras, cuxo labor vese precarizado salvaxemente con ratios imposibles, numerosas tarefas burocráticas e unha carga lectiva insoportable.
O acceso á vivenda é imposible porque non é un dereito senón un gran negocio para construtoras e fondos de investimento. Alugueiros que non paran de subir por pisos en condicións precarias. No mellor dos casos, e con moito esforzo para moitas familias, conséguese pagar un alugueiro compartido para que poidamos estudar na universidade. Isto é o PP para nós, recortes de dereitos e ningún futuro, gobernan para os seus sen ningún disimulo, empresarios capitalistas para os que mocidade é sinónimo de explotación laboral, e os nosos dereitos un nicho de mercado con suculentos beneficios.
Por todos estes motivos, desde o Sindicato de Estudantes animamos ós e ás mozas a mobilizarnos masivamente este domingo nas urnas para derrotar á dereita, e entendemos que, nestas circunstancias, votar ó BNG é a ferramenta máis útil para conseguilo. Durante estes anos mobilizámonos nas rúas, cada 8 de marzo, e este ano volverémolo a facer, fixemos folgas contra o xenocidio ó pobo palestino, solidarizámonos coas loitas obreiras, das traballadoras de Inditex, de todos aqueles colectivos que pelexan polos nosos dereitos. A rúa é o fundamental, aí é onde temos a forza, é o máis importante. Pero non desaproveitamos ningunha oportunidade, como son as eleccións, para golpear á reacción.
Necesitamos un cambio inmediato, o fin de tódolos recortes, plans de choque para recuperar a sanidade e a educación públicas eliminando tódolos concertos coa sanidade e a educación privadas. Todo o diñeiro público ós servizos públicos. Queremos estudar na nosa lingua, o galego, basta xa de ataques. Unha materia de educación sexual inclusiva con carácter obrigatorio, basta xa da moral podre da dereita e da igrexa, fóra a relixión da educación pública. Queremos dereitos e un futuro digno e só os imos conquistar loitando.
Por iso, pase o que pase o 18F, votar non abonda. Hai que impulsar a mobilización nas rúas, temos que organizarnos nos nosos centros de estudo, nos nosos barrios para defender os nosos dereitos e o noso futuro. Loitar contra o capitalismo e facer fronte nas rúas a quen se lucra do noso sufrimento.
Este domingo 18F todos e todas ás urnas para botar ao PP!
Organízate no Sindicato de Estudantes e loita contra o capitalismo e por un futuro digno!