Sábado 13 de setembro todos e todas á manifestación ás 12h en Compostela

O mes de setembro comeza coa convocatoria por parte da CIG dun calendario de mobilizacións do profesorado para reverter os ataques da Xunta do PP ao ensino público e ás lamentables condicións laborais dos e das docentes. Desde o Sindicato de Estudantes queremos amosar todo o noso apoio a esta loita tan xusta e necesaria que tamén é a nosa. Estamos convosco e animamos a todos os e as estudantes e ás súas familias a participar na manifestación do sábado 13 de setembro en Santiago e apoiar nos centros a folga á cal están chamados os e as docentes de todas as etapas o próximo 25 de setembro.

Baixada de ratios en todas as etapas, recuperación do horario lectivo previo aos recortes, incremento de persoal especialista para atender a diversidade e de profesorado en xeral para realizar apoios, reforzos e desdobramentos en todas as ensinanzas que así o precisaren, eliminación do traballo burocrático, recoñecemento e dignificación da profesión docente a todos os niveis, incluíndo o retributivo... Estas son algunhas das principais reivindicacións e non podemos estar máis de acordo con elas. Son tamén as nosas porque son imprescindibles para acabar coa situación calamitosa a que o PP na Xunta está a levar ao ensino público.

Masificación, falta de recursos materiais e humanos, docentes esgotados ou de baixa por estrés e ansiedade polo inabranguible do traballo, tendo que atender ata 200 alumnos e alumnas! É imposible, así non podemos estudar en condicións dignas, non o aceptamos!
E tampouco aceptamos a privatización que se está a dar, especialmente na FP, coas empresas privadas facendo negocios multimillonarios a costa do noso futuro. Nin tragamos cos intentos de censura nos centros de estudo coas instrucións da vergoña e esa “neutralidade ideolóxica” de que fala o Conselleiro Román Rodríguez. Os e as estudantes, como moito do noso profesorado, non somos nin imos ser neutrais ante esta ofensiva da dereita contra o ensino público. Tampouco cos ataques ao galego, nin co machismo, nin cos planes destrutores de multinacionais como Altri e nin, por suposto, co xenocidio contra o pobo Palestino polo que os estudantes imos tamén á folga estudantil o próximo 2 de outubro.

Por unha folga xeral de toda a comunidade educativa

Hai dous cursos os e as profesoras galegas protagonizaron dúas importantes xornadas de folga convocadas por CIG e STEG tras o acordo da vergoña que CCOO, UGT e AMPE asinaron coa Consellería de Educación perpetuando os ataques do PP ao ensino público. O pasado curso as AMPAS estiveron á cabeza das protestas centro a centro. Os e as estudantes estamos fartos e fartas de que os nosos centros estean que caen, que falten prazas na FP, que non se substitúa o profesorado de baixa, que as nosas aulas estean ateigadas, que se siga dando diñeiro á privada concertada e a pública cada vez estea peor. Levamos anos saíndo á folga contra o xenocidio sionista en Gaza, contra o machismo dentro e fóra das aulas e imos seguir facendo todas as folgas e manifestacións que sexa necesario, saíndo ás rúas cos nosos profesores e profesoras. Por iso, se a Consellería do PP non retrocede nós temos que ir a máis e comezar a preparar unha folga xeral da comunidade educativa en defensa do ensino público, de docentes, pais e nais, persoal laboral e estudantes. Temos a forza para facelo e temos a vontade para conseguilo. Adiante coa loita!

Xa basta de destruír o ensino público. Á folga xeral de toda a comunidade educativa!